Sunday 19 de May de 2024

Poetas de Tunisia, Estados Unidos e Bolivia participarán no último trimestre da 14ª edición do Poetas Di(n)versos


O primeiro dos encontros terá lugar este vindeiro luns 24, e reunirá a poeta, tradutora e profesora tunesina Khédija Gadhoum a carón da poeta e avogada nada en Corme Diana Varela Puñal

Poetas Di(n)versos encara o seu último trimestre antes da tradicional pausa estival que suspende os recitais poéticos ata o mes de outubro. A programación poética do Concello da Coruña inicia, así, a súa etapa de primavera cando conta xa catorce anos de recitais dobres: unha voz en galego a carón doutra de calquera recanto do mundo.

Nos vindeiros meses, esas latitudes situaranse no norte de África e máis no continente americano, tanto no norte coma no sur. Pola parte galega, participarán poetas residentes na cidade da Coruña, en Santiago e en Cambados nesas citas mensuais conducidas pola fundadora e coordinadora do ciclo, a tamén poeta Yolanda Castaño.

Terán lugar, como é habitual, no auditorio do Ágora ás 20.00 horas e con entrada aberta e gratuíta. Durarán arredor dunha hora, retransmitiranse igualmente por streaming, editarase un folleto coleccionable sobre a obra dos autores e autoras e unha libraría de proximidade ofrecerá a posibilidade de adquirir os seus libros cunha sinatura orixinal estampada.

O primeiro dos encontros terá lugar este vindeiro luns 24, e reunirá a poeta, tradutora e profesora tunesina —especialista en letras iberoamericanas— Khédija Gadhoum a carón da poeta e avogada nada en Corme Diana Varela Puñal, actual secretaria xeral da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. A primeira está a piques de publicar ‘Nuevas Voces de Sheherazade: Poesía contemporánea de Mujeres del Magreb’, pois traduce do árabe ao castelán, tanto como do inglés ao castelán e viceversa, e tense ocupado de poetas de moi diversas procedencias. A segunda codirixe a editorial galega especializada en poesía Medulia, e nese terreo levou premios coma o Díaz Xácome ou o Uxío Novoneyra, mais é tamén autora de pezas teatrais tanto para público adulto coma infantil.

O mes próximo, o man a man poético do luns 29 de maio será a cargo do poeta e xornalista natural de Monterroso Daniel Salgado e a poeta e ensaísta Susan Briante, nada en Nova Jersey e residente en Arizona; dúas voces que entenden a poesía como ferramenta de análise e intervención política. Porán o ramo a esta décimo cuarta edición anual de Poetas Di(n)versos dous poetas cunha longa traxectoria ás súas costas: o cambadés Domingo Tabuyo e o boliviano Eduardo Mitre, de Oruro.